A incorporación de España á Comunidade Europea propiciou unha gran cantidade de consecuencias no eido lexislativo que se traduciron tamén no ámbito preventivo.
Coa publicación da Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, e a súa normativa de desenvolvemento empeza a superarse o concepto proteccionista de medidas correctoras, que había ata o momento, e a avanzarse cara a un novo concepto de prevención mediante a incorporación das chamadas medidas preventivas.
Este novo enfoque vai orientado á intervención antes de que se dean as situacións ou condicións de traballo perigosas co fin de evitar na orixe, a aparición dos riscos laborais. Así pois, o obxectivo xenérico
da Prevención de Riscos Laborais é protexer o traballador dos riscos que se derivan do seu traballo, e unha boa actuación preventiva implicaría evitar ou minimizar tanto as causas dos accidentes como das enfermidades derivadas do traballo. A prevención de riscos laborais ten unha gran relevancia na empresa actual xa sexa polo rigoroso control existente ou pola importancia que ten a seguridade e saúde dos traballadores de cara a evitar a sinistralidade no traballo. Pero non se pode continuar sen antes dicir que a prevención non se pode entender, como nalgúns casos sucede, como un mero instrumento a través do cal se dá cumprimento ás
obrigas preventivas.
Hai que ir máis aló, e ter en conta que a prevención é capaz de derivar en múltiples beneficios a prol da actividade empresarial xa que non só axudará ás empresas a incrementar a súa produción senón que tamén fará evidentes achegas á calidade, elemento clave para a súa supervivencia no mercado pois permitiralle alcanzar niveis óptimos de calidade en produtos, servizos e procesos. Isto contribuirá a que a empresa sexa máis eficiente e competitiva. Por
todo isto, á parte da necesidade inmediata e patente de facer prevención nun sector como o téxtil que se caracteriza por xerar unha ampla variedade de riscos coñecidos, desde os relacionados coa seguridade ata os ergonómicos e psicosociais, xa que engloba numerosos e diferentes tipos de actividades e operacións, xorde outro tipo de necesidades nas que a prevención sería de grande axuda para un sector que nos últimos anos sufriu enormes transformacións como consecuencia do brutal impacto que exerceu sobre
el a globalización económica e a liberalización do comercio, con todo o que iso comporta e calquera axuda en termos de competitividade e eficiencia é fundamental e necesaria. |