4.5. Sinalización de seguridade
Unha correcta sinalización resulta eficaz como técnica de seguridade complementaria,
pero non debe esquecer que, por ela mesma, nunca elimina o risco.
A sinalización de seguridade só subministra información sobre o risco
Permite identificar os perigos e diminuír os riscos para a seguridade e saúde dos traballadores que resultan perigosos polo simple feito de ser descoñecidos. A sinalización en si, non protexe, só prevén danos, actuando sobre a conduta humana.
Para que sexa eficaz debe:
• Atraer a atención de quen a recibe e provocar a súa resposta inmediata.
• Dar a coñecer o perigo de forma clara, cunha única interpretación e coa suficiente antelación.
• Informar sobre a forma de actuar en cada caso concreto, polo que deberá ser coñecida de antemán.
• Que sexa posible realmente o seu cumprimento.
O empresario, cando así se faga necesario, deberá dotar os lugares de traballo da sinalización de seguridade precisa en función do tipo de risco e cumprir co deber de formación, información, consulta e participación dos traballadores en relación a estas.
Os sinais de seguridade subministran unha indicación relativa á seguridade de persoas e/ou bens. Nos centros de traballo poderanse utilizar diferentes tipos de sinalización dependendo do sentido que deba ser estimulado (óptica, acústica, olfactiva e táctil) e poden ser de prohibición, de advertencia, de obriga, de salvamento ou socorro, indicativa, en forma de panel ou sinal, adicional, luminoso, acústica, verbal ou xestual.
Cando os traballadores aos que se dirixe a sinalización teñan a capacidade visual ou auditiva limitada, deberán tomarse as medidas suplementarias ou de substitución necesarias.
As vías de circulación de vehículos deberían estar delimitadas con claridade mediante franxas continuas dunha cor ben visible, preferentemente branco ou amarelo.
Os diferentes tipos de sinalización deberán ser limpados, mantidos e verificados regularmente, e reparados ou substituídos cando sexa necesario.
Sinalización en forma de panel
É o tipo de sinalización máis xeneralizado nos centros de traballo. Clasifícanse, en función da información que proporcionan, en sinais de prohibición, de advertencia, de obriga, de información e adicional.

Este tipo de sinais instalaranse preferentemente a unha altura e nunha posición apropiadas en relación ao ángulo visual, nun lugar ben iluminado e mesmo se fose necesario, engadindo a suficiente iluminación artificial ou utilizando materiais fluorescentes, tendo en conta posibles obstáculos na proximidade inmediata do risco ou obxecto que deba sinalizarse ou, se o risco é xeral, no acceso á zona de risco.
Sinalización acústica
É de vital importancia cando se necesita unha gran rapidez e facilidade de transmisión da información (alarmas, sirenas). Deben ter un nivel sonoro superior ao ambiental para que se poidan oír doadamente, sen chegar a ser molestas. Se o nivel do ruído ambiental fose moi elevado, non deben utilizarse. Inclúe os seguintes tipos:
- De evacuación de urxencia.
- De presenza de lume.
- De presenza de gases tóxicos.
- De radiacións ionizantes.
Sinalización luminosa
A luz que emiten os sinais que pertencen a este grupo deberá provocar un contraste luminoso apropiado e a súa intensidade deberá asegurar a súa percepción, sen producir cegamentos.
|