 |
4.4. Protección colectiva e individual
As medidas de protección colectivas protexen un grupo de persoas expostas a un determinado risco, de forma simultánea. Non se aplican sobre o corpo. Ex. varanda (serán de materiais ríxidos e resistentes e cunha altura mínima de 90 cm) ao redor dun foso, resgardos de maquinaria, etc.
Cando os riscos non se poidan evitar ou reducir suficientemente polos distintos medios, o empresario, ten a obriga de lles proporcionar aos seus traballadores equipos de protección individual.
O equipo de protección individual (EPI) protexe un só traballador e é unha medida que se aplica sobre o corpo. É unha medida complementaria á colectiva, nunca substitutiva. É a última barreira entre o home e o risco.
Que requisitos debe cumprir un EPI?
- Respecto ao seu deseño: debe ser ergonómico, de material axeitado e ter o grao de protección necesario, e non lle debe impedir ao traballador realizar movementos e adoptar as posturas necesarias para o seu traballo; debe ser compatible con outros EPI’S e dispoñer de instrucións de uso e de data de caducidade.
- Respecto da súa utilización:
- o empresario está obrigado a formar os traballadores sobre o seu uso correcto e poñer á súa disposición o manual de instrucións.
- O traballador debe utilizar e coidar correctamente o equipo, colocalo no lugar indicado despois da súa utilización e informar de todas as anomalías e danos que sufra
o equipo que poidan supoñer a perda da súa eficacia protectora.

Algún dos EPI’S que poden utilizar os traballadores do sector téxtil para a súa protección:
- Cascos antirruído.
- Protección facial.
- Máscaras: adóitanse utilizar nas operacións de mantemento ou limpeza de máquinas, se se manipulan produtos tóxicos, cando hai exceso de po.
- Luvas.
- Calzado de seguridade con sola antiescorregadiza e punteira de aceiro.
Recordade: Sempre debe primar a protección colectiva sobre a individual
|