Prevención de Riesgos Laborales, ATEXGA
Prevención de Riesgos Lalorais
Galego Galego Castelán Castelán

Contorno virtual para a prevención de riscos laborais no sector textil

 
Sobre nós
¿Que é ATEXGA Prevención?
¿Cal é a finalidade?
¿A quen vai dirixido?
 
Lexislación e Normativa de Prevención Riscos Laborais
Guía de Prevención de Riscos
Laborais no sector textil
Estudo de sustancias nocivas
na industria téxtil
Novo Regulamento REACH
 
Barómetro de Prevención de
Riscos Laborais
Directivos
Traballadores
Portada - Guía - O Proceso Textil

Guía de Prevención de Riscos Laborais:
O Proceso Textil

Guía de Prevención de Riscos Laborais

Para poder levar a cabo unha actuación preventiva, faise necesario coñecer a natureza do traballo e coñecer todos os elementos que inflúen nel. Deste modo, para evitar ou reducir os riscos que se poidan dar en cada un dos procesos de produción téxtil, é necesario coñecer as súas características fundamentais.

O proceso téxtil fundaméntase no tratamento das fibras téxtiles co fin de obter os fíos e tecidos cos que se elaborará o produto final mediante tarefas e procesos técnicos de fabricación moi dispares, é dicir, engloba unha serie de procesos interrelacionados entre si que van, dende a obtención de fibras químicas á confección.

Metodoloxicamente, pódense distinguir 2 grandes subsectores:
1) A industria téxtil propiamente dita, de fabricación de tecidos.
2) A industria da confección e tecido de punto.

3.1. Industria téxtil propiamente dita

Parte do fío como materia prima para a fabricación de tecidos que, posteriormente, se utilizarán no proceso de transformación.
En si, abrangue dende a fabricación de fibras químicas ata a elaboración dos tecidos acabados. Entre os procesos que inclúe podemos citar:

  • - Fabricación de fibras químicas: as fibras químicas divídense, segundo a súa natureza, en artificiais e sintéticas. As primeiras xorden da transformación da celulosa e as segundas proceden orixinariamente do petróleo.
  • - Operacións previas e preparatorias da fiadura: os flocos ou as fibras en bruto pasan por procesos sucesivos de lavado, cardado, peiteado, segundo o caso, ata conseguir unha mestura de fibra susceptible de converterse en fío no proceso de fiado.
    As operacións fundamentais que teñen lugar comezan coa limpeza e apertura das fibras de modo que queden soltas, homoxéneas e libres de impurezas, xa que estas prexudican a calidade do fío.
    Mediante o cardado sepáranse cada unha das fibras co obxecto de reunilas despois nunha cinta nas que se dispoñen con regularidade.
    Seguidamente, procédese a regularizar e homoxeneizar as fitas procedentes da carda, normalmente irregulares, para o cal se realizan sucesivos estirados e dobrados. Unha vez feito isto, estíranse de novo e sométense a un afinado e a unha torsión lixeira que dará lugar a unhas mechas.
  • - Fiadura propiamente dita: consiste en realizar un último afinado da mecha para transformala nun fío, a cal se somete ao mesmo tempo, a unha torsión que lle dará a tenacidade desexada. Trátase de obter un fío dunhas características ben definidas (dunha resistencia determinada e un diámetro concreto). Finalmente o fío é enrolado sobre un soporte. Suplementariamente, realízase o peiteado que consiste en eliminar a totalidade ou boa parte das fibras máis curtas e as impurezas co obxecto de obter fíos moi finos e especialmente regulares. O peiteado proporciona u limpeza máis profunda que a carda. Existen distintos procesos de fiado:
    • Fiado de aneis.
    • Fiado de carda.
    • Fiado de fibras ou Open-End.
    • Fiado de fibras recuperadas.

O fío resultante do proceso de fiado enrólase baixo diferentes formas, segundo o destino do fío e pode ser tinguido ou enviado, directamente, á fase de tisaxe. O proceso de fiado inclúe, tamén a obtención de fibras reprocesadas, reciclando téxtiles xa usados anteriormente así como as fases posteriores de dobrado, bobinado, etc. As máquinas utilizadas teñen unha serie de funcións básicas que son: o estirado, a torsión e o pregado da materia en fusos ou bobinas.

- Tinguido do fiado: o fiado, unha vez tinguido, vai directamente á fase de tisaxe.
- Preparación para a tisaxe: nesta fase, lévanse a cabo as operacións de urdidoira e a de trama.

Trama: é un fío horizontal, transversal.
Urdidoira: é un fío vertical, lonxitudinal.

  • Tisaxe: na fase de tisaxe lévanse a cabo as operacións necesarias para a elaboración de tecidos a partir do fío procedente das fases anteriores, seguindo os deseños previstos.

Preparacion da urdime e trama

Distínguese entre:
A teceduría de calada ou á plana: consiste na transformación de series de fíos nunha superficie uniforme, polo entrecruzamento de 2 fíos ortogonais (trama e urdidoira), de acordo cun patrón ou modelo prefixado.

Teceduría de xénero de punto: o tecido obtense mediante a formación dunha malla. Se a malla se entrelaza en sentido transversal, recibe o nome de xénero de punto por trama e se o fai en sentido lonxitudinal recibe o nome de xénero de punto por urdidoira. Nos xéneros de punto por trama, un só fío enlaza consigo mesmo mentres que o xénero de punto por urdidoira está formado por máis de dúas series de fíos.

Os xéneros de punto por urdidoira utilizan os mesmos procesos previos de preparación da tisaxe que os tecidos de calada pero diferéncianse destes en que non utilizan as mesmas máquinas para a tisaxe, non entrelazan os fíos da mesma forma e na formación de mallas.

Para obter o tecido de punto por urdidoira utilízanse 2 tipos de máquinas: máquinas de
raschel e máquinas de kette.

  • Ennobrecemento téxtil (tinguiduras, estampados e acabados): na cadea de valor do sector téxtil, os fíos, tecidos, etc. van ser tinguidos, estampados e acabados con recubrimentos especiais segundo o uso que se lles vaia dar posteriormente.

    Engloba o conxunto de tratamento físicos, químicos ou mecánicos que achegan aos
    produtos unhas propiedades particulares ou que lles confiren un aspecto definido
    (tinguidura, aprestos, estampado).

Os procesos químicos téxtiles inclúen todas aquelas operacións nas que a materia téxtil se somete a un tratamento químico coa finalidade de que melloren o seu aspecto, melloren o seu comportamento ao uso ou que o seu coidado sexa máis doado. En todas elas os produtos químicos son transportados a través de auga polo que este proceso se denomina RAMO DA AUGA.

Procesos químicos textiles

• O tinguido da tea é unha das fases máis complexas do proceso produtivo pois nela interveñen unha gran diversidade de colorantes e axentes auxiliares de tinguido.

• Enténdese por acabado dun tecido, o tratamento que recibe segundo o uso final a que vaia ser destinado, e sempre para mellorar o seu aspecto e calidade. Poden clasificarse en tres grupos:

  1. - Acabados xerais: son aqueles aos que se someten os tecidos para obter un determinado aspecto (limpeza, cepillado, secado, etc.).
  2. - Acabados con efecto de superficie: son aqueles que modifican a aparencia e o tacto dos tecidos orixinando un novo. Adoitan facerse mediante procesos mecánicos ou químicos (laminado, engurrado, etc.).
  3. - Acabados químicos: son aqueles que se lles dan aos artigos para mellorar a súa calidade e rendemento aínda que o seu aspecto non cambie (antiesvaradío, antipilling, antiestático, antimofo).

• O estampado consiste na realización de deseños en distintas cores sobre a materia
téxtil. O colorante aplícase localmente ata formar o deseño.

Esquema Industria Textil

3.2. A industria da confección.

Baséase na transformación do tecido, obtido nas fases anteriores, nun produto téxtil
dirixido ao consumidor final. Danse dúas fases centrais, a de corte e a de costura pero
o proceso completo divídese en:

• Deseño e patronaxe.
• Estendido marcado e corte.
• Confección, revisado e etiquetado.
• Prancha.
• Acabado, pregado, embalado e transportado.

- Deseño e patronaxe

• O deseño consiste na creación dun esbozo dun modelo de prenda determinado para a súa fabricación posterior. Constitúe o inicio da actividade de confección e influirá de forma notable no éxito ou fracaso da colección, dependendo de se se realizou unha boa ou mala elección dos deseños que a compoñen.

• Ao proceso de deseño séguelle o de patronaxe que consiste na realización dos patróns da prenda a confeccionar (un para cada peza e talle). Os patróns serven de modelo para cortar e coser. Previamente, elixiríanse os talles nos que se quere fabricar cada deseño. A partir destes patróns créanse marcadas de corte, que o cortador utiliza para cortar as pezas do patrón.

- Estendido, marcado e corte

O proceso de corte engloba as operacións de estendido e marcado e ten por obxecto cortar o perfil dos patróns das prendas a confeccionar e identificar e agrupar as pezas cortadas por talles, de tal forma que poidan ser manipuladas doada e comodamente na sección de costura. No estendido, o tecido esténdese en varios grupos sobre unha mesa de corte. Despois dispóñense as marcadas sobre o tecido a cortar, a lonxitude do cal e a anchura dependerán das esixencias de produción.

O marcado é propio do sistema de corte convencional e non se dá no corte automático nin no de presión ou cuño.

Os sistemas de corte empregados na confección son os seguintes:

  • CORTE MANUAL OU CONVENCIONAL: aínda que é o máis empregado, tecnoloxicamente é o máis elemental.
  • CORTE POR PRESIÓN OU TROQUEL(TROQUELADO): os distintos elementos da
    máquina de corte prémense contra as fibras do tecido. Neste proceso pódense
    utilizar distintas máquinas de corte (cortadora por presión de elementos, cortadora
    por presión de marcada enteira, cortadora por presión a tea solta e cortadora
    por presión de paneis) dependendo da marcada utilizada.
  • CORTE AUTOMÁTICO: realízase por medio dunha coitela que obedece as coordenadas impostas por un ordenador central. O operario só intervén nas operacións de mantemento ou control.

- Confección

No proceso de confección dáselles a forma e o acabado final necesario aos artigos
para destinalos a un uso específico.
Nos postos de costura únense as pezas do tecido, previamente acondicionadas, de acordo ao deseño.
Para a súa execución, o operario, acostuma adoitar posturas inadecuadas polo que é un proceso que ten unha influencia moi directa sobre o individuo.
O acabado consiste en darlle as últimas pinceladas (ollais, botóns, entre outros) á prenda antes de obter o produto final.

- Revisado e etiquetado

Unha vez que a prenda foi confeccionada, revísase, manualmente ou cunha máquina, co fin de constatar que a prenda foi confeccionada de forma axeitada e non presenta ningún defecto. Ao mesmo tempo procédese á súa limpeza se se detecta algún tipo de mancha antes de pasar ao proceso de etiquetaxe.

A etiquetaxe pode realizarse manualmente ou con máquinas e consiste en colocar na superficie do tecido, mediante calor, cun cosido, a pistola, etc., unhas etiquetas nas cales deben aparecer unha serie de datos identificativos da prenda como son o talle, o fabricante, a composición, as formas de lavado, de pasar o ferro, etc.

- Prancha

A finalidade deste proceso é darlle á prenda a aparencia final coa que chegará ao usuario. É un proceso moi manual e obriga a elixir métodos de traballo moi específicos dependendo das peculiaridades de cada tipo de prenda, cada tipo de tecido, a súa composición, formas, etc. Para conseguir unha boa pasada débese dar unha serie de factores como son humidade, presión, temperatura e arrefriamento das prendas.

- Pregado, embalado e transportado

O pregado e embolsado son os procesos que teñen lugar despois da pasada. Pódense realizar de forma manual ou mecánica e poden adaptarse á forma de presentación do produto a través dunha serie de automatismos que facilitan o empaquetado, embalado e selado plástico.
A materia téxtil é transportada ao longo das distintas fases do proceso de confección
mediante diversos mecanismos. Con este transporte preténdese:

• Aumentar a rapidez da produción.
• Ter ordenada a produción (modelos, talles, cores, etc.).
• Diminuír os recursos.
• Aumentar a flexibilidade.
• Sincronizar tarefas e tempos entre os distintos postos de traballo.
Por último, as prendas confeccionadas almacénanse antes de ser distribuídas para a súa venda.

3.3. Outros procesos téxtiles: bordados e acolchados.

A través dos bordados realízanse motivos decorativos nos tecidos mediante fíos de distinta composición e cores. Nos acolchados, unha lámina de tea cósese á prenda ou tecido para formar unha soa estrutura laminar conferíndolle determinadas características, faina máis grosa e confortable.

Xunta de Galicia, Conselleria de Traballo - Dirección Xeral de  Relacións Laborais    Atexga   Unión Europea, Fondo Social Europeo