Prevención de Riesgos Laborales, ATEXGA
Prevención de Riesgos Lalorais
Galego Galego Castelán Castelán

Contorno virtual para a prevención de riscos laborais no sector textil

 
Sobre nós
¿Que é ATEXGA Prevención?
¿Cal é a finalidade?
¿A quen vai dirixido?
 
Lexislación e Normativa de Prevención Riscos Laborais
Guía de Prevención de Riscos
Laborais no sector textil
Estudo de sustancias nocivas
na industria téxtil
Novo Regulamento REACH
 
Barómetro de Prevención de
Riscos Laborais
Directivos
Traballadores
Portada - Guía - Conclusións

Guía de Prevención de Riscos Laborais:
5.3. Conclusións

Guía de Prevención de Riscos Laborais

5.3. Conclusións

A maioría dos traballadores do sector téxtil están expostos a situacións de risco. As súas posibles consecuencias negativas van dende os trastornos musculoesqueléticos, a asma industrial, a dermatite de contacto e irritativa, as irritacións en ollos, nariz e garganta, a perda de audición por exceso de ruído, os atrapamentos, cortes, queimaduras, etc. ata trastornos relacionados co estrés.

Á parte dos evidentes riscos de sufrir accidentes, as enfermidades asociadas a exposicións a gases, pos metálicos e vapores que entrañan algúns procesos deste sector, tamén son moi comúns entre este colectivo.

Moitos locais están mal ventilados e non controlan as temperaturas ambientais. Se hai pouca ventilación, pódese acumular unha gran concentración de contaminantes tóxicos no ambiente. Os efectos desta exposición poderíanse reducir ao mínimo con sistemas de ventilación axeitados ou coa substitución de produto, sempre que sexa posible, aínda que hai que ter en conta que, cando se desenvolveu unha sensibilidade alérxica, seguramente se teña que evitar que o traballador se someta á exposición ao produto.

Debido á gran cantidade de pezas móbiles das máquinas, as fábricas téxtiles adoitan ser lugares ruidosos. Aínda que o ruído se atenúa mediante unha lubricación axeitada, habería que considerar tamén a introdución doutros avances técnicos. En xeral, a prevención da perda de audición por motivos profesionais esixe o uso de protectores auditivos pero é esencial que os traballadores reciban unha formación sobre o emprego axeitado destes equipos e que se comprobe que realmente os utilizan.

A maioría dos riscos de seguridade e hixiénicos que se producen no sector téxtil pódense combater poñendo atención ao mantemento axeitado de máquinas e equipos, instalando proteccións efectivas e reixas que eviten o contacto cos elementos móbiles, dispoñendo de ventilación local como complemento dunha boa ventilación xeral, controlando a temperatura e utilizando os EPI 'S adecuados sempre que un perigo non se poida evitar ou controlar totalmente con medidas de deseño e modificación ou de substitución por materiais menos perigosos.

A todo isto hai que unir a formación continua dos traballadores. Naqueles postos de traballo estáticos do sector téxtil, que se realizan de pé e nos que o traballador apenas se despraza e realiza movementos repetidos dos membros superiores, en ocasións coa aplicación de forza, o traballador pode sufrir de sobrecarga muscular en todas as costas e nos ombros e as pernas pesadas. Se non se contemplan as pausas axeitadas, isto pode provocar a aparición de fatiga de toda a extremidade superior e desenvolver lesións en tendóns e articulacións (tendinite, pinzamento de nervios, síndrome do túnel carpiano). No caso de utilizar ferramentas automáticas que transmitan vibracións, empeora a situación.

Os operarios das máquinas de coser, en particular, efectúan movementos repetitivos de man e boneca, normalmente en posturas forzadas polo que están especialmente expostos á posibilidade de desenvolver a síndrome do túnel carpiano. Ademais nestes postos, o operario pasa moito tempo sentado (a miúdo en asentos sen respaldo e realizando tarefas que esixen inclinarse cara a diante), álzase de forma intermitente e usa repetitivamente os pedais polo que poden padecer trastornos musculoesqueléticos da rexión lumbar e das extremidades inferiores.

Os cortadores tamén atopan ante a posibilidade de desenvolver lesións musculoesqueléticas no colo, ombros, cóbados, antebrazos, bonecas e rexión lumbar, xa que ás veces se ven obrigados a levantar e transportar grandes pezas de tecido e o seu traballo require o manexo de máquinas de corte.

Pola súa banda, os que traballan coa prancha están expostos ao risco de contraer tendinite e lesións de ombros, cóbados e antebrazos, e tamén poden desenvolver lesións relacionadas co pinzamento de nervios.

Nos postos nos que hai que desenvolver unha manipulación manual de cargas, o traballador pode verse exposto a riscos de sobrecargas musculares a nivel de todas as costas e das extremidades superiores xa que o desenvolvemento destas tarefas esixe unha grande esforzo físico por parte do traballador e en ocasións inclinacións e xiros das costas e elevación dos brazos por enriba dos ombros.

A realización de forzas bruscas e repentinas pode empeorar a situación e dar lugar a serias lesións. Os postos de traballo mal deseñados resultan caros en termos de gastos médicos directos, absentismo e produción do persoal.

A Ergonomía é unha ferramenta imprescindible e de gran precisión para previr as lesións derivadas deste tipo de riscos. As solucións poden basearse na selección de novos materiais, ampliación de liñas de fabricación, cambio de ferramentas, formación do persoal nuns hábitos posturais correctos, etc.

Pero os beneficios de aplicar a Ergonomía van máis alá da mellora da seguridade e a redución de custos. En numerosas empresas demostrouse que a súa aplicación lles permite aos traballadores efectuar as súas tarefas con maior confort e é evidente que isto repercute no benestar, a calidade do traballo realizado, así como a produtividade de todo o sistema.

Ademais dos factores ergonómicos, os sistemas de produción a esgalla e os factores de organización do traballo contribúen á aparición de lesións musculoesqueléticas nos traballadores. Polo tanto, a prevención das lesións musculoesqueléticas pode esixir tanto modificacións ergonómicas do posto de traballo como na organización deste.

O sistema de remuneración a esgalla (os traballadores cobran pola cantidade de unidades que producen) está aínda moi estendido na confección de pezas de vestir. Isto implica riscos para a saúde relacionados co estrés e con trastornos musculoesqueléticos entre os traballadores. Un sistema de remuneración alternativo podería facer que a confección fose máis atractiva, menos esgotadora e menos perigosa.

Nun sistema de traballo en equipo, os traballadores teñen a posibilidade de controlar máis o proceso de produción e a oportunidade de traballar con outras persoas. Este sistema pode ser menos esgotador que o traballo en cadea. Pero hai que considerar que pode provocar tensións adicionais no caso de que os traballadores sexan responsables de que os seus compañeiros cumpran as normas e que se penalice a todo un grupo de traballo pola lentitude ou o absentismo dalgún dos seus membros.

O sistema de traballo a domicilio adoita darnos unha idea da precariedade do emprego e é moi difícil de controlar. En moitos casos, estes traballadores cobran salarios moi por debaixo dos normais e deben facerse cargo do custo do material, do equipo e das ferramentas necesarias para a produción.

As novas características económicas propias da globalización e a crecente competitividade orixinan unha presión que evidencian a aparición de riscos psicosociais.
- A mecanización e o aumento forzoso da produtividade provocan un nivel de estrés que socava o benestar dos traballadores.
- Excesivo ritmo de traballo o que leva a unha carga mental importante.
- Falta de autonomía na organización do traballo e na toma de decisións.
- Conflitos na estrutura xerárquica pois o estilo de mando adoita ser autoritario, non adoita haber canles de comunicación e información, o clima laboral non adoita ser bo e a participación adoita ser escasa ou nula.

En moitas fábricas téxtiles, para cumprir as cotas de produción, as máquinas funcionan ininterrompidamente, e cada traballador está "atado" a unha ou varias máquinas, que non pode abandonar nin sequera para ir ao lavabo ou facer unha pausa ata que o relevo ocupa o seu posto. Xunto co ruído ambiental e o uso de protectores contra o ruído, esta actividade extremadamente rutineira e repetitiva supón un auténtico illamento dos traballadores e unha falta de interacción social que chega a provocar un estrés alto.

Factores, tales como os ritmos de traballo intensos, os estilos autoritarios de xestión, inestabilidade laboral, etc, fan que a incidencia e magnitude dos riscos psicosociais sexan de gran relevancia. Ademais de provocar "insatisfacción laboral", prexudican a saúde dos traballadores, poñendo en perigo a súa integridade física e persoal e, en ocasións, a súa propia vida.

A lexislación europea e a española recoñecen a importancia destes factores na prevención dos riscos laborais e formulan a necesidade de mellorar as condicións de traballo co fin de previr os riscos psicosociais nocivos para a saúde mental.

 

Xunta de Galicia, Conselleria de Traballo - Dirección Xeral de  Relacións Laborais    Atexga   Unión Europea, Fondo Social Europeo