Novas

Formacin 2011-2012



 

Proxecto Cofinanciado
 
 
 
Atexga propon medidas de internacionalización e innovación, para facilitar a adaptación da industria PDF Imprimir Correo-e
Novas


15-06-2009-A industria téxtil de Galicia vai ter que aplicar estratexias para o posicionamento das marcas, a internacionalización e a innovación, que serán determinantes para a súa futura competitividade. Esas son algunhas das principais propostas de Atexga, ante o proceso de adaptación do modelo de negocio do sector téxtil de Galicia ás novas pautas derivadas da liberalización do mercado téxtil europeo, iniciada en 1995 co Acordo sobre Téxtis e Vestiarios (ATV), que culminou en 2008 cunha plena liberalización do mercado. Este novo escenario conleva sustanciais transformacións no eido laboral, xa que o novo modelo téxtil reserva aos países industrializados –Galicia entre eles- as actividades de maior valor engadido, como son o diseño das prendas, o control de calidade, a xeración de marca, a loxística e a comercialización; mentres os países en vías de desenvolvemento concentran as actividades de produción, máis intensivas en man de obra.

Esta adaptación supón ás veces a adopción dalgunhas medidas que afectan ao emprego e xeran unha lóxica alarma e preocupación na opinión pública. Neste contexto, a Asociación Téxtil de Galicia, como representante dos intereses dunha parte significativa da industria téxtil de Galicia, quere contribuir ao mellor desenvolvemento deste proceso de adaptación coa proposta dunha serie de medidas estratéxicas para o futuro do sector, e analizando os antedecentes históricos e normativos que derivaron na actual situación, para unha interpretación axeitada da evolución que se está a rexistrar.

Medidas: internacionalización e innovación

A industria téxtil galega que pretenda competir no mercado a teor das novas regras de xogo ha de adaptarse a este novo orde, que esixe modificar as súas estratexias competitivas, centrándose nos procesos de comercialización e distribución, fronte ás actividades de manufactura. Con este escenario actual, a capacidade produtiva dunha empresa, que ata agora supoñía unha clara vantaxe competitiva, convértese nun lastre, facéndose necesario “adelgazar” as estruturas de produción para crecer nas de comercialización, medidas que son un efecto directo desta liberalización, se ben fanse máis visibles no entorno actual de crise económica mundial.

Para facilitar esta adaptación, Atexga ten identificadas tres áreas estratéxicas de actuación: comercialización, xeración de marca e internacionalización; innovación e financiamento. A área de comercialización, xeración de marca e internacionalización será un dos principais eixos de competitividade do sector, no que vai ser preciso o apoio da Administración, para dinamizar a presenza das marcas galegas no mercado, mediante o desenvolvemento de cadenas de comercialización propia, ou a traves dunha maior vinculación co detallista individual, franquicias, acordos de distribución, etc. tanto a nivel nacional como internacional, e articular mecanismos de apoio á internacionalización da moda galega. Asemade, Atexga aposta por estratexias que profundicen no valor das marcas, favorecendo medidas sobre a súa identidade, promoción e coñecemento.

Os investimentos da industria téxtil en innovación, tanto en tecnoloxía como en procesos e produtos, serán determinantes sobre a futura competitividade do sector, por iso, deben  establecerse os mecanismos necesarios para que, nun escenario como el actual, os investimentos neste área se potencien. Asemade, Atexga considera urxente articular accións que faciliten o acceso ao crédito de forma áxil e a un coste axeitado, a través do establecemento de liñas de financiamento ao circulante e mecanismos de cobertura de riscos das vendas, adaptados á dinámica propia do sector moda, especialmente en mercados internacionais, que garantan o nivel de actividade do sector.

Antecedentes históricos

A actual situación ten os seus antecedentes no ATV, que establecía un periodo de transición progresiva para a eliminación das restriccións  cuantitativas á importación de produtos textis que a Unión Europea mantiña fronte a países en vías de desenvolvemento membros da Organización Mundial do Comercio. A aplicación de dito acordo finalizou o 1 de xaneiro de 2005, pero o incremento considerable das importacións téxtis (de ata un 500% para algunhas categorias de produtos) obrigou á aplicación dunha cláusula de salvagarda ata fin de 2007, data a partires da cal foron suprimidos todos os continxentes de importación, quedando liberalizada a totalidade do comercio têxtil. Como resultado, no prazo de 10 anos eliminaronse restriccións fronte a un total de 19 países e dende 2008 a liberalización é plena. A pesares de que o sector da industria téxtil e da confección manifestou en diferentes ocasións a súa oposición a esta política comercial, as súas demandas non foron tomadas en consideración durante o proceso de negociación, que foi claramente controlado polos países máis proclives á aplicación de políticas comerciais de carácter liberal. Este marco normativo internacional fai do téxtil un dos sectores máis mundializados, cun incremento constante das importacións de produtos téxtis que ronda o 12% anual, coa consecuente reducción da produción nacional. Asia é o continente que máis se beneficia dos sucesivos traslados da produción, sendo China o primeiro empregador mundial das industrias textis e de vestiario e primeiro suministrador do mercado español, co 18% das importacións totais. Pola súa banda, a industria téxtil europea ten a súa principal baza na potenciación das actividades de maior valor engadido, un reto que o sector téxtil de Galicia está capacitado para superar coa corresponsabilidade de todos os axentes implicados.

A finais de 2008, o sector da moda en Galicia estaba integrado por 1.497 empresas, que daban emprego a 16.233 traballadores  directos. Facturou 7.506 millóns de euros en 2008, o que representa o 13,9% do PIB de Galicia, posicionándose con estes resultados como un dos principais pilares da economía de Galicia. O sector téxtil-confección-moda achega un Valor Engadido Bruto (VEB) estimado de 1.576 millóns de euros, que supón o 4,48% sobre o total do tecido empresarial galego, somentes un 0,76% por detrás do sector da automoción.

Polo tanto, trátase dun sector estratéxico para a economía de Galicia, que agora afronta o desafio de reformular os seus patróns de produción. Da capacidade do sector de adaptarse ao novo modelo, e da capacidade da sociedade e das administracións de entender as medidas necesarias para esta transformación dependerá o futuro da industria téxtil de Galicia.